A denuncia de Veciños obriga ao goberno a licitar a pulpería da Pascua que levaba anos en situación ilegal

 

Padrón, 19 de febreiro de 2018

Veciños de Padrón conseguiu, logo de denuncialo nas súas redes sociais e durante un pleno celebrado o pasado verán, que este ano o goberno do PPGD saque a concurso a parcela dunha das “pulperías” da Pascua; que como descubriu a formación levaba anos en situación irregular co consentimento dos dirixentes municipais. O espazo en cuestión trátase dunha carpa situada edición tras edición da Pascua no Campo da Barca coincidindo coa celebración da feira cabalar, unha parcela cunha localización privilexiada que non se licitou dende o 2012 e ata o pasado 2017. Durante todo este tempo, a organización das festas correu a cargo do goberno do Partido Popular e tamén, nos anos 2013 e 2014, dos dous concelleiros do Partido Galeguista Demócrata que fai un ano volveron a aliarse co PP e a adquirir responsabilidades en varias áreas de goberno, entre elas, a de festexos. Tras coñecer a situación o pasado mes de xuño e realizar unha investigación que corroborou os feitos, a formación comandada por Teresa Rey preguntou por esta cuestión no pleno ordinario. A resposta por parte do goberno do PPGD foi que a parcela non se licitara no 2017 “debido a un erro”. Porén, cando a representante de Veciños lle preguntou polo resto de anos nos que a situación irregular se viu repetindo, a formación non obtivo máis resposta ca un “non o sei” malia ter presentado a pregunta por escrito e con 24 horas de antelación, tempo estimado no que o goberno ten a obriga legal de preparar as cuestións e de respondelas. O único que souberon dicir dende o bipartito Partido Popular-Partido Galeguista ante as cuestións de Veciños de Padrón, foi que o Concello non percibiu ningún tipo de compensación polo cesión da parcela e a utilización deste espazo público, unha situación de extrema gravidade. Máis semella que agora, trala denuncia da formación comandada por Teresa Rey e só uns meses despois de mentir abertamente en pleno por esta cuestión, o goberno do PPGD considerou que si é preciso licitar este espazo. Ante a gravidade dos feitos, a falta de repostas e de claridade por parte do rexedor municipal e do seu equipo e o seu sospeitoso xeito de proceder con respecto a esta parcela; Veciños de Padrón non pode máis que preguntarse cales foron os beneficios que obtiveron os membros do goberno para estar dispostos a rachar coa legalidade vixente e a permitir, con coñecemento de causa e durante 6 anos, agravios comparativos entre todos aqueles que pagan unha contía pola explotación dunha parcela nas Festas de Pascua e os que non. Por todo isto, Veciños seguirá indagando sobre o acontecido, e solicita que se depuren as responsabilidades debidas no equipo de goberno por esta grave situación da que foron consentidores.