Pleno

 

O Pleno é o órgano de máxima representación política da cidadanía dentro do goberno municipal e está constituído polo alcalde e os concelleiros (é precisamente ao alcalde a quen lle corresponde convocar e presidir as sesións plenarias aínda que pode delegar nalgún dos concelleiros). O Pleno ten un regulamento propio de carácter orgánico e tanto o seu funcionamento coma a organización dos seus contidos recóllese no regulamento municipal. Constitúeo unha Secretaría Xeral e unha serie de Comisións encargadas de xestionar diversas áreas de goberno e de informar sobre esta ao Pleno. Unha das funcións do Pleno municipal que ten maior relevancia, dentro das súas tarefas de fiscalización e control dos órganos de goberno, está a votación das mocións de censura e confianza. Así mesmo, do Pleno dependen os acordos relativos á alteración da composición ou dos lindes do termo municipal ou os acordos sobre a participación do Concello en órganos supramunicipais. Do Pleno dependen tamén as aprobacións e modificacións de regulamentos orgánicos, ordenanzas, orzamentos, cadros de persoal, regulamentos municipais, etc. A aprobación inicial e final das tramitacións urbanísticas tamén é unha das competencias do Pleno, así como a transferencia das súas funcións a outras administracións ou a determinación do xeito no que o Concello xestionará os servizos municipais. O Pleno da Corporación, en sesión do 2 de xullo de 2015, acordou que a periodicidade das sesións do pleno será cada dous meses o último xoves do mes ás 20:00, celebrándose o primeiro pleno no mes de xullo.