O alcalde de Padrón expulsa do pleno á concelleira de Veciños tras escoitar a primeira liña do seu discurso

 

Padrón, 22 de abril de 2017

 

A censura, un comportamento represivo máis propio dos períodos ditatoriais ca do propio século XXI, regresou onte ao pleno do Concello de Padrón. O alcalde do Partido Popular, o señor Antonio Fernández Angueira, decidiu expulsar do pleno á concelleira de Veciños cando esta interviña porque non lle gustaron as súas palabras. No momento no que sucederon os feitos a corporación trataba a entrada no goberno dos dous representantes do PGD, unha situación que lle da a maioría aos populares que dirixían o municipio dende o 2015 con tan só 5 concelleiros. Teresa Rey tomou a palabra na súa quenda e comezou a expoñer o discurso que traía preparado, unha analoxía na que comparaba a nova situación política cunha obra teatral de monicreques. Só puido dicir as 15 primeiras palabras. O señor Angueira dixo sentirse ofendido coas expresións utilizadas, que en ningún momento foron insultantes, e nun abuso do seu poder coma moderador da sesión procedeu a expulsar á concelleira do pleno. Non é a primeira vez que se da esta situación. Nos últimos meses, a voceira de Veciños de Padrón xa se viu obrigada a abandonar a sesión plenaria en tres ocasións, sempre por serlle negada ou retirada a palabra que lle correspondía, e defender que tiña dereito a manifestarse. Queda claro que o goberno do PP non quere escoitar, nin que se escoite, o que esta formación lle ía a dicir. O Partido Popular e o seu equipo colleron xa por costume silenciar as opinións contrarias as súas e que non son do seu agrado, unha situación que parecen adoptar tamén con agrado no novo goberno do PPGD. Máis desta vez cruzáronse todas as liñas vermellas: expulsar a unha represente política elixida democraticamente nun pleno da corporación seguindo un criterio totalmente subxectivo e inxusto, é un claro abuso de poder e un atentado contra a liberdade de expresión. Por todo isto, Veciños de Padrón está a estudar, dende onte, as actuación legais que emprenderá para defender o dereito da súa voceira a expresarse con liberdade e sen ver coartadas as súas ideas e opinións. Reciba un cordial saúdo, Prensa Veciños de Padrón