Veciños de Padrón distribúe unha enquisa para que a veciñanza valore o seu traballo

 

Padrón, 29 de xaneiro de 2018

• Na enquisa tamén se inclúen preguntas que permiten valorar as actuacións da súa Concelleira, Teresa Rey A formación política Veciños de Padrón continúa coa última das súas accións, posta en marcha o pasado mes de decembro con motivo do remate do seu segundo ano na corporación municipal. O partido comandado por Teresa Rey quere coñecer a opinión da xente, polo que hai un mes comezou a difundir unha enquisa de valoración para que a veciñanza poida opinar sobre o traballo que levan realizando ao longo destes dous anos. Así, continuando coa súa liña de actuación en prol da transparencia e da participación, Veciños activou un cuestionario, que está dispoñible na páxina web do partido, www.vecinos.info; na páxina de Facebook e tamén en diferentes bares e cafeterías da vila de Padrón e de varias aldeas ao longo de todo o Concello. Deste xeito, esperan poder achegar a enquisa a tódalas persoas do municipio, incluídas aquelas que por cuestión da súa idade ou calquera outra situación non utilizan as redes sociais. Pero ademais de preguntas sobre o traballo de Veciños, a enquisa tamén inclúe unha parte dedicada a valoración das actuacións levadas a cabo pola súa Concelleira, Teresa Rey. Dende o partido aclaran que para participar cubrindo o cuestionario non é preciso ser votante de Veciños de Padrón, só ter ganas de colaborar e de facer achegas para que a formación siga a mellorar e, por suposto, mostras respecto nas respostas agregadas. As urnas manteranse na rúa e a enquisa online seguirá aberta ata mediados do mes de febreiro.